sábado, 21 de julho de 2012

Unidade sindical contra o ERE en ISIDRO DE LA CAL

A representación sindical manifesta o rexeitamento ao ERE de suspensión aplicado por Isidro de la Cal

A medida, aprobada unilateralmente pola empresa, ten unha duración de 18 meses e afecta a 20 traballadores/as
As organizacións sindicais CIG, COG e CCOO queren manifestar o seu rexeitamento ao expediente de regulación de emprego temporal aplicado por Isidro de la Cal (dedicada á produción e distribución de produtos do mar), aprobado unilateralmente pola empresa, sen vontade de buscar alternativas nin de chegar a ningún acordo coa representación do persoal.
Isidro de la Cal
O ERE, xa aplicado pola dirección, supón a suspensión do contrato durante 18 meses para 20 empregados/as da área de administración, algúns/has dos/as cales levan máis de 35 anos traballando na empresa. A excesiva duración da medida, puntualizan os representantes sindicais, provocará que as persoas afectadas teñan gastado a maior parte da prestación por desemprego á que teñen dereito ao remate do ERE.
Para evitar esta situación, a representación do persoal propuxo á empresa unha rebaixa do tempo de duración até os doce meses e que tivese un carácter rotativo. Proposta que a dirección nin sequera se amosou disposta a valorar. Neste senso, as organizacións sindicais subliñan que polo menos 10 traballadores/as poderían pasar á planta de produción, pero estes postos están ocupados por persoal que a empresa contrata a través de ETTs.
Estes feitos fan sospeitar que as verdadeiras intencións da empresa pasan por irse desfacendo a baixo custe dos/as empregados/as máis antigos e con mellores condicións laborais, para sacar adiante a carga de traballo con persoal contratado a través de ETT.
Por outra banda, quérese denunciar tamén a rebaixa salarial aplicada ao conxunto do persoal que suporá unha perda duns 120 euros anuais para os traballadores/as cun salario de até 15.000 euros, do 4% para aquelas persoas que cobran até 18.000 euros e do 5% para os empregados/as con retribucións até 23.000 euros.
Fronte a isto, CIG-Servizos, COG e CCOO advertiron que tomarán as medidas legais e farán as mobilizacións oportunas para loitar contra esta medida excesiva, que se vén sumar á desfeita laboral que vive o sector industrial da comarca da Coruña.

Nenhum comentário:

Postar um comentário