quarta-feira, 20 de fevereiro de 2013

21 de febreiro, xornada de loita en defensa dos servizos públicos

A Plataforma Galega en Defensa dos Servizos Públicos convoca concentracións para este xoves 21 de febreiro

 
A Plataforma Galega en defensa dos Servizos Públicos ten convocadas mobilizacións para o xoves, día 21 de febreiro, ás 19:00 horas nas sete cidades galegas para manifestar o seu rexeitamento a uns orzamentos que poñen en perigo os servizos públicos, promoven a supresión e despedimento de persoal e deterioran as súas condicións laborais e económicas.
13-02-21 Cartaz concentracións Plataforma Servizos Públicos
Lugares das mobilizacións
- A Coruña: na Praza de Pontevedra, diante do Edificio de Facenda da Xunta.
- Ferrol: diante do Edificio Administrativo Xunta.
- Santiago de Compostela: Praza do Toural.
- Vigo: Porta do Sol (enfronte do Sireno).
- Ourense: diante da Casa do Chocolate, na Avda. da Habana.
- Lugo: diante do Edificio Multiusos da Xunta
- Pontevedra: Subdelegación do Goberno.

A Plataforma Galega en Defensa dos Servizos Públicos denuncia que os orzamentos propostos polo goberno de Feijoo “estrangulan” os servizos públicos deteriorando até o extremo a atención aos usuarios e usuarias dos mesmos e precarizan as condicións laborais das traballadoras e traballadores que desenvolven a súa actividade no sector. Ademais, favorecen a amortización de postos de traballo, pola vía da non reposición de efectivos, e abren a vía para realizar despedimentos.

A Área Pública da CIG, que forma parte da plataforma, alerta de que tras dos recortes orzamentarios agóchase a pretensión do Partido Popular de favorecer a privatización dos servizos públicos. Por iso fai un chamamento ás empregadas e empregados públicos e a sociedade no seu conxunto a participar nestas mobilizacións en defensa dos servizos públicos e dos dereitos laborais e sociais das súas traballadoras e traballadores
Así mesmo, coincidindo coa data de votación dos Orzamentos da Xunta para 2013, a Plataforma ten convocada unha concentración o vindeiro martes 26 de febreiro, dende ás 12:00 horas, ás portas do Pazo do Hórreo.

Nenhum comentário:

Postar um comentário