quarta-feira, 27 de junho de 2012

Os recortes ás agachadas no ensino público de Galicia



Pingueiras de despidos e recortes ás agachadas. Así denuncian os sindicatos que se están a materializar os axustes que a Consellería de Educación está a aplicar no ensino en Galicia. Difícil cuantificar o número de docentes que quedarán sen traballo no vindeiro curso, aínda que as noticias que chegan dos centros fan pensar “nun recorte moito maior e máis grave do agardado”.
Quen así fala é José Fuentes, responsable de Ensino Público de CCOO-Galicia, que censura o “absoluto escurantismo” que está a levar a cabo a Xunta á hora de especificiar os recortes que sufrirá a ensinanza pública no vindeiro ano. “A información é sesgada e aos poucos”, insiste o voceiro sindical, que denuncia que a Administración “non está a trasladar onde e como se reducen os postos de traballo ás xuntas de persoal”. Así, danse situacións como as do caso da provincia da Coruña, onde nas dúas vindeiras semanas se coñecerán as reduciónsn que afectan a Primaria e a Secundaria e xusto cando moitos dos docentes que se vexan desprazados teñen que estar xa solicitando praza noutro lugar.
"Tememos que o recorte vai ser moito máis duro do que podiamos prever"
“Non temos unha foto fixa real do que vai acontecer, pero tememos que será máis duro do que podiamos prever”, advirte José Fuentes, que critica “a malicia” da Consellería de Educación ao aproveitar o período vacacional para confirmar uns recortes que non só afectan os profesores “senón á calidade dun ensino que se verá gravemente reducida”. “Saben que agora é máis difícil mobilizar e informar o persoal, pero tamén que é máis complicado que a cidadanía visualice a profundidade do recorte que se lle vén enriba aos centros dos seus fillos”, asegura. O peor, lembra, que será “unha política de feitos consumados” que terá “unha difícil marcha atrás”.
"O colectivo de interinos pode ser aniquilado"
Porque os recortes derivados do Real Decreto 14/2012 do Goberno central serán fortísimos. Así o denuncian os sindicatos, que queren lembrar tamén a grave situación na que quedan os interinos, un colectivo “que pode ser aniquilado”. Unha das principais causas, a ampliacion dos horarios aos docentes, que ao pasar ás 20 horas como mínimo á semana provocará “unha importante diminución do persoal nos centros” que pode chegar a un 10 ou 20%.
“Haberá 600 xubilacións en toda Galicia que non se van cubrir, o que implica tamén aos interinos”, explica Fuentes, que recorda tamén que a norma que establece o decreto de non se cubrir os primeiros 15 días de baixa nos centros provocará “unha evidente diminución na contratación” destes profesores, que non só se ven frustrados pola ausencia de oposicións, senón polas nulas expectativas de conseguir un posto.
Con este panorama, e tirando polo baixo, CCOO fala xa dunha destrución duns 1.800 postos de traballo tan só na educación secundaria, pero sabe que xuntando todas as etapas estudantís serán moitísimos máis, aínda que o “escurantismo” da Xunta lles impida determinar até que punto alcanza a sangría. Tamén no rural, onde as expectativas son moi negras e onde tamén, segundo denuncia Fuentes, se están a incumprir as ratios de alumnos por clase que a Xunta marcaba á hora de xuntar aulas. Un panorama que agoira recortes, despidos pero tamén fortes mobilizacións para o curso que vén.

Nenhum comentário:

Postar um comentário