sábado, 6 de outubro de 2012

Denunciando á brutalidade policial contra os traballadores no Ferrol.

Comunicado de COMUNISTAS DA GALIZA con motivo dos acontecementos de Ferrol, no inicio da campaña electoral, e a detención do compañeiro Pintos.
Comunistas da Galiza, plataforma política unitaria da que participan a organización de Galiza do PCPE e o Colectivo Comunista Galego FORXA!, queremos denunciar con este comunicado a represión xeralizada contra o movemento obreiro e popular e os dereitos e líberdades democráticas, que está a desencadear o goberno oligárquico e reaccionario do PP, da que os feitos acontecidos na pasada madrugada en Ferrol, coincidindo co inicio da campaña electoral, son exemplo ilustrativo.
Unha vez máis, e seguindo a pauta represiva deste goberno fronte a crecente e masiva mobilización do pobo traballador, unha concentración de traballadores do sector naval ferrolán (xunto cos de Poligal) fronte ao establecemento hoteleiro onde o PP dispúñase a abrir campaña electoral, foi reprimida pola intervención policial inxustificada, saldándose coa detención premeditada do camarada Anxo Pintos, secretario comarcal da CIG, que foi trasladado á comisaria local. Unha vez nas dependencias, e ficando nelas durante toda a noite, sen que fose presentado ante xulgado ata o día seguinte ao mediodía, foi sometido a maos tratos, ameazas e TORTURAS, esposado a unha cadeira e golpeado cunha luva de coiro regularmente durante o tempo da súa detención.
Estes feitos, postos en coñecemento do xulgado durante a súa comparecencia e posterior liberación, son dunha gravidade tal, que pon de manifesto o grao de degradación á que chegou este goberno e mandos e axentes obedientes ás súas instrucións, para empregar a persecución policial e xudicial contra militantes e dirixentes do movemento obreiro e sindical, ata o extremo da TORTURA como métodos da súa “orde públíca”. Esta, experimentada polos mineiros asturianos, leoneses e aragoneses, polos estudantes valenciáns, pola xente do pobo madrileña, pola clase obreira en distintos conflitos e en todas as nacións e territorios do Estado, xunto ás intencións de modificacións de normativas no terreo dos dereitos e liberdades fundamentais como manifestación, xuntanza e folga, e o ton e o contido dos posicionamentos públicos da dirixencia ultradereitista do PP, ensínanos e alértanos sobre a os riscos desta escalada represiva contra todo o pobo, asentado os alicerces do fascismo como eventual saída oligárquica á fonda crise política, económica e social que estamos a viver.
Facemos un chamamento á máis ampla unidade de todas as forzas políticas e sindicais do movemento obreiro e popular, para que na rúa, e desde as fábricas e centros de traballo, respostemos coa contundencia necesaria fronte a esta ofensiva para derrocar a este goberno coa mobilización, levando con el á crise política terminal a este podre réxime monárquico, digno e incuestionábel sucesor da sanguenta ditadura que o pariu.

Nenhum comentário:

Postar um comentário