quarta-feira, 17 de outubro de 2012

3 XORNADAS DE LOITA NO ENSINO

 
 
 
 
 
 
O pasado 11 de outubro milleiros e milleiros de estudantes saiamos á rúa nun escenario histórico e completamente diferente ás mobilizacións impulsadas até o de agora, culminando a campaña estudantil internacional “11X12 Educación do pobo e para os pobos” con máis de 60 manifestacións e concentracións en todo o Estado para protestar contra as reformas no ensino e para reclamar o dereito á soberanía dos pobos.
Estudantes de todos os pobos baixo a xurisdicción do Estado Español tomamos as rúas para facer fronte ás políticas privatizadoras e aos ataques que está a sufrir o ensino público. As organizacións impulsoras, entre as que se atopaba a Liga Estudantil Galega, quixemos destacar o sentido soberanista e de esquerda da xornada e da campaña que se levou a cabo. Como organizacións estudantís combativas, soubemos estar á altura das circunstancias e asumimos a nosa responsabilidade cos nosos pobos, dando pasos para a unidade de acción entre eles.
No contexto no que nos inserimos, onde o capitalismo agoniza dunha forma cada día máis evidente e amosa a súa face máis brutal e despiadada, a mocidade galega en xeral e o estudantado en particular non pode quedar á marxe. Os gobernos galego e español seguen os ditados das políticas neoliberais e afogan día tras día a quen non creou esta crise, as clases populares, que ven reducidos de xeito sistemático os seus dereitos. E é a educación un dos eidos que os especuladores sinalaron para o seu total e progresivo desmantelamento. Só así se explica o camiño trazado de mercantilización e progresiva privatización de servizos, querendo facer do ensino un negocio moi rendíbel para os seus intereses, cuestión sobre a que o nacionalismo leva advertindo moito tempo.
Por todo isto, o 17 de outubro estaremos de novo na rúa, como o fixemos sempre, contra os recortes, contra as políticas mercantilizadoras e privatizadoras do ensino, contra as políticas do Partido Popular na Xunta e no Estado, contra Wert, contra Rajoy e contra Feijoo.
Mais tamén dicimos que non podemos caer no erro de reivindicar simplemente a volta ao estado do sistema educativo anterior ás reformas porque as medidas lesivas co mesmo non responden só aos caprichos do Ministro de Educación ou a unha mala xestión do goberno de turno, é un plan ideado e trazado polo capital transnacional que só se pode combater denunciando o sistema explotador no que nos inserimos. Por isto demandamos a soberanía nacional e reivindicamos unha democracia real para o noso pobo que ten que pasar indubidablemente pola superación do capitalismo e pola construción dunha alternativa xusta e igualitaria, unha sociedade socialista.
Polo tanto apoiamos e subscribimos as convocatorias que se teñen realizado de folga estudantil e manifestacións para ese día.
Santiago de Compostela ás 12 horas na Praza do Toral.
A Coruña ás 12 horas na Praza da Palloza.
Ferrol ás 12 horas na Praza 10 de Marzo.
Lugo ás 12 horas na Biblioteca Intercentros.
Ourense ás 12 horas diante da Delegación da Consellaría de Educación (Rúa Concello).
Pontevedra ás 12 horas diante da Subdelegación do Goberno.
Vigo ás 12 horas na Praza de América.
A Guarda ás 12 horas diante do IES A Sangriña.
Allariz ás 12 horas diante do IES de Allariz
Arzúa ás 12:30 horas diante do IES de Arzúa.
Betanzos ás 12 horas diante dos IES Francisco Aguiar e As Mariñas (Avenida da Coruña)
Burela ás 12 horas diante do Monte Castelo.
Carballo ás 12 horas na Praza do Concello.
Moaña ás 12 horas diante do IES As Barxas
Noia ás 12 horas Alameda, diante IES Virxe do Mar.
O Barco de Valdeorras ás 12 horas diante do IES Lauro Olmo.
Ponteareas ás 12 horas na rúa Feliciano Barrera (diante dos IES)
Ribadeo ás 12 horas diante do IES Ribadeo (antigo IES Gamallo Fierros)
Verín ás 12 horas diante do IES Xesús Taboada Chivite (Avenida de Portugal).
Vilagarcía ás 12 horas na Praza de Galiza.
Xinzo da Limia ás 12 horas na Praza Maior.
Ribeira ás 12 horas diante do IES Leliadoura.
Cee ás 12 horas diante do IES Fernando Blanco.


Coa loita estudanti conseguirémolo!
Organízate e loita con nós!

Nenhum comentário:

Postar um comentário