sexta-feira, 4 de maio de 2012

10 de maio Folga no Ensino. Chamado da Liga Estudantil Galega.



Nas últimas semanas, o goberno do PP perpetrou un dous maiores ataques ao ensino público dos últimos tempos, ao levar acabo un terríbel axuste pola vía dos recortes no canto de fomentar e impulsar políticas económicas expansivas que favorezan as maiorías sociais do Estado.
Fíxoo primeiro coa presentación do Proxecto de Orzamentos Xerais do Estado, no que, no tocante ao ensino, recórtanse en máis dun 20% as partidas do Ministerio de Educación e Ciencia, unha redución de máis de 600 millóns de euros en programas educativos do Estado. Tamén se reduce en máis dun 10% a partida de bolsas do MEC (166 millóns de euros menos). O recorte en investigación é aínda máis dramático, ao chegar a unha redución de case o 35% en relación ás partidas do ano pasado, 630 millóns de euros menos.
Poucos días despois desta publicación, o Ministerio de Educación volveu ás andadas, desta volta co anuncio do incremento de até un 66% das taxas universitarias. Estas medidas suporán que a matrícula media rolde os 1.500€ en primeira convocatoria, e a partir da 4ª matriculación terase que sufragar a suposta “totalidade do custe” do crédito (máis de 6.000€ por curso completo). Ademais, búscase unha diferenciación en base ao “custe da titulación”, algo que previsibelmente fará que os prezos nas carreiras experimentais se multiplique, e estas titulacións serán inaccesíbeis para a maioría do estudantado.
Ademais, na actualidade a matrícula non equivale só ao 15% do custe total como di o Goberno, xa que ese baremo (orzamentos dunha universidade / alumnado) non é para nada realista, ao contabilizárense aspectos orzamentarios que nada teñen que ver coa docencia e o progreso académico do alumnado. En realidade, hoxe en día pagamos máis dun 40% do total do custe total.
Este estrangulamento económico feito sobre o estudantado é un proceso que repercute dun xeito enormemente negativo no papel de redistribución social que debería xogar a Universidade, que crea unha maior polarización social entre os que poidan pagar os seus estudos e os que teñan que deixar a súa formación por motivos estritamente económicos.
O ensino universitario é un dereito e non un privilexio, polo que apostamos pola desaparición das trabas que actualmente existen para o libre acceso á universidade comezando pola conxelación das taxas e a súa progresiva desaparición. Este só será realmente público e democrático cando os criterios de renda non sexan un problema para o seu acceso. O financiamento ten que ser público, como garante de que a ensinanza está encamiñada a valores sociais e non determinada por intereses económicos.
Por todo isto, desde a Liga Estudantil Galega convocamos unha folga no ensino o vindeiro 10 de maio e chamamos ao conxunto do estudantado galego para que se mobilice e amose o seu rexeitamento á brutal suba de taxas e ás medidas de recortes que acaban de impoñer dende o Goberno do Estado, que constitúe o maior ataque ao ensino público que se recorda en moitos anos. Na nosa man está, como estudantado comprometido co ensino público, loitar e amosar na rúa o noso rexeitamento a unhas medidas encamiñadas a elitizar a universidade e impedir o acceso ás maiorías sociais.

A continuación deixámosvos unha relación coas mobilizacións que terán lugar o vindeiro día 10 de maio:
— Santiago de Compostela, na praza do Toral ás 12:00h
— A Coruña, na praza da Palloza ás 12:00h
— Ferrol, na praza 10 de marzo ás 12:00h
— Ourense, na rúa Concello (diante da Delegación Consellaría Educación) ás12:00h
— Pontevedra, na Subdelegación do Goberno ás 12:00h
— Vigo, na praza de América ás 12:00h
— Burela, na praza da Capitanía ás 12:00h
— Verín, na praza do Concello ás 12:00h
— Vilagarcía, na praza de Galiza ás 12:00h
— Lugo (por confirmar).

O 10 de maio, folga no ensino!
Este modelo económico e social non funciona!
Non á suba das taxas! Non aos recortes!

Nenhum comentário:

Postar um comentário