segunda-feira, 3 de dezembro de 2012

Na Coruña ás 12:00 diante dos xulgados !

2012 11 30 FolgaFameEvencio

A CIG convoca concentracións o martes 4 de decembro diante dos xulgados en contra da represión sindical

A folga de fame de Pontevedra cumpre unha semana e mañá sábado tomarán o relevo as compañeiras Lucía Freire e Sefi Romero
A CIG ten convocadas concentracións o vindeiro martes, 4 de decembro, diante dos xulgados das distintas cidades galegas para denunciar os intentos de criminalizar a contestación social aos recortes, de rexeitamento á reforma do Código Penal que prepara o PP, así como para amosar a repulsa ás novas taxas xudiciais impostas polo Goberno español. As protestas enmárcanse na campaña que a central nacionalista está desenvolver contra a persecución e represión sindical, concretada na folga de fame que a CIG está a desenvolver dende hai unha semana en Pontevedra contra a condena a prisión a tres sindicalistas.
A sétima xornada da folga de fame promovida pola CIG continúa recibindo mostras de solidariedade e na xornada deste venres, alén de avanzar na recollida de sinaturas, achegáronse a dar o seu apoio aos folguistas o alcalde de Carballo, Evencio Ferreiro, a eurodeputada Ana Miranda ou a deputada do BNG, Ana Pontón.
Así mesmo, seguen chegando comunicados solidarios de Comités e centrais sindicais e entre eles recibíronse telegramas de parte da Central Obreira Galega (COG), da Sección Sindical de Novagalicia Banco, do Comité de empresa de Mediterránea de Catering, Comité de Traballo e Benestar da Coruña, a Sección Sindical da CIG na empresa FCC-Vigo, da Xunta de Persoal Funcionario e Comité de Empresa dos Servizos Centrais da Xunta de Galiza, o Comité de Empresa do Departamento Territorial da Consellaría do Medio Rural e do Mar de Ourense, e os Delegados/as da CIG no Comité de Empresa da Consellaría de Medio Rural na provincia de Pontevedra e da Asociación Cultural "A Revira".
Para a xornada do sábado está previsto que visite a caravana da CIG, a partir das 11:30 horas, o actor Luís Tosar e os artistas gráficos Pepe Carreiro e Xosé Lois “O Carrabouxo”. Pola tarde, logo das 17:00 horas, achegarase até Pontevedra o Vicepresidente da Deputación de Lugo, Antonio Veiga.
Así mesmo, está previsto que o vindeiro martes os membros do secretariado da UITBB se acheguen até Pontevedra para solidarizarse cos folguistas e posteriormente dar unha rolda de prensa, ás 12:30 horas, para presentar as concluisión das xornadas internacionais que se celebran en Vigo.

Cambio de quenda
No mediodía do sábado tamén se producirá o cambio de quenda na folga de fame e serán as compañeiras Sefi Romero, Secretaria de Organización da CIG-Banca, e Lucía Freire, da Executiva Comarcal da CIG de Compostela, quen darán o relevo ao Secretario Comarcal da CIG da Coruña, Paulo Carril, e o responsábel nacional de Mar da CIG, Xabier Aboi, que levan sen inxerir alimentos dende as doce da mañá do xoves.

Contra a criminalización da resposta social
A folga de fame comezou o pasado día 23 e desenvolverase en quendas de 48 horas até o vindeiro 15 de decembro, data na que está convocada unha manifestación polo centro da cidade. A protesta responde a unha condena inxusta e claramente ideolóxica e política. A sentenza que condena a tres anos e un día de prisión aos dous membros da CIG e a un de CCOO por participar na folga do comercio de alimentación convocada na provincia en 2009, está datada o mesmo día do xuízo, o cal amosa que o proceso era un trámite e que o xuíz xa tiña tomada a decisión previamente.
Esta circunstancia revela o carácter ideolóxico e político dunha decisión que busca reprimir e dar un escarmento a todos aqueles compañeiros/as sindicalistas que participan en piquetes e que teñen unha actitude activa ante os conflitos dos traballadores/as. É un intento por criminalizar a contestación social aos brutais que está a padecer a clase traballadora no contexto da crise.
 

Nenhum comentário:

Postar um comentário