sexta-feira, 7 de setembro de 2012

A CIG chama a participar masivamente na manifestación convocada para o sábado 8 de setembro en defensa dos servizos públicos

 
Representantes da Plataforma Galega en Defensa dos Servizos Públicos (integrada polas organizacións CIG - CCOO - UGT - CSI-F - CESM - OMEGA - SATSE -USASE - ANPE - STAJ - CEP - SUP - UFP - AUGC - UniónGC - CGT - USO - USTG - SIAT e ACAIP) compareceron este mércores en rolda de prensa para anunciar o novo calendario de mobilizacións previsto para o mes de setembro en contra dos recortes impostos polos gobernos do PP. Mañá xoves, iniciarase unha nova xeira de protestas diante dos edificios administrativos de todo o País, mentres que o sábado 8 de setembro está convocada unha gran manifestación en Compostela.
 
12-09-05 RP mani servizos publicos
A Secretaria de CIG-Administración Pública, Maricarme López Santamariña, que compareceu en calidade de voceira da Área Pública da central nacionalista (Ensino, Saúde e Administración Pública), animou a toda a cidadanía a participar na manifestación que a Plataforma ten convocada para o vindeiro sábado, 8 de setembro, en Compostela, para amosar o masivo rexeitamento ao deterioro dos servizos públicos e das condicións laborais da clase traballadora.
A marcha, que se desenvolverá baixo o lema “Na defensa dos servizos públicos. Non ao recorte dos nosos dereitos”, sairá ás 11:30 horas dende a Alameda e rematará coa lectura dun manifesto conxunto.
Para a Área Pública da CIG as medidas promulgadas mediante o RDL 20/2012 e a Lei Galega 9/2012 do 3 de agosto, favorecen a destrución de emprego e dos servizos públicos e van encamiñadas a garantir o pagamento do rescate ao sector financeiro, verdadeiro causante da crise.
Para a CIG é obvio que o conxunto de medidas do PP teñen como obxectivo último desmantelar todas as conquistas sociais e laborais no sector público, xa que non se está só a falar de reducir salarios ou eliminar pagas extra senón tamén de destruír emprego reducindo a administración e, polo tanto, eliminando os servizos que até o de agora esta prestaba para provocar a súa privatización.

Mobilizacións o xoves 6 de setembro diante das administracións

Previamente, as organizacións sindicais acordaron retomar, durante todo o mes de setembro, as mobilizacións semanais dos xoves que se viñeron realizando diante dos distintos centros de traballo nos últimos meses, co obxectivo de amosar o rexeitamento aos recortes laborais, salariais e sociais impostos polo Goberno de Mariano Rajoy e acatados submisamente pola Xunta de Núñez Feijoo, a pesar de supor unha invasión das competencias que o goberno galego ten nos distintos ámbitos.
Deste xeito, mañá xoves 6 de setembro, todos os empregados e empregadas das administracións públicas están chamados/as a participar nas concentracións que se celebrarán diante dos centros de traballo (edificios administrativos, hospitais, delegacións ministeriais e de xustiza, etc.) entre as 11:00 e as 12:00 horas.
A Área Pública da CIG alerta de que o obxectivo de todo este paquete de medidas é ir eliminando dereitos sociais e laborais, pero tamén dereitos democráticos, para restar capacidade de resposta ás organizacións sociais e políticas que cuestionan o modelo económico, político e social defendido polo PP. Por iso reitera a importancia de mobilizarse e manifestar o máis rotundo rexeitamento non só a estes recortes, senón tamén ao grave retroceso que estamos padecendo nos nosos dereitos democráticos e nacionais.

Nenhum comentário:

Postar um comentário