sexta-feira, 14 de setembro de 2012

15 S Gran movilización estatal en Madrid.-

Máis de 10.000 galegos únense á marcha "histórica" do 15S en Madrid

Redacción | @prazapublica

Madrid acolle este sábado unha protesta contra os recortes levados a cabo polo Goberno de Mariano Rajoy que se prevé "histórica" e na que participarán máis de 10.000 galegos, segundo aseguran CCOO e UGT de Galicia. Milleiros de cidadáns do país teñen confirmada xa a súa presenza na capital do Estado, á que se desprazarán nos autobuses organizados por Comisións, UGT, USO, CSIF e USTG, e na que se agarda unha resposta masiva contra as políticas do Executivo do PP. Organizada polas centrais maioritarias, a marcha do 15S contará tamén co apoio de numerosos colectivos sociais e políticos, incluído o 15M, que decidiu adherirse, aínda que como "Bloque Crítico" e apostando claramente por "unha mensaxe distinta" que aposta "pola folga xeral".
Será unha marcha de "transcendencia histórica", segundo os secretarios xerais de CCOO e UGT, e na que se berrará alto e claro "contra as políticas de recortes do Goberno do PP, tanto no eido económico como no social, que están ocasionando unha fractura social sen precedentes en España". "Non existe ningún colectivo, nin ámbito da actividade social e cultural, que se libre das consecuencias destas políticas, agás os poderes económicos e as elites que os representan", censuran os sindicatos, que anuncian xa unha manifestación "histórica" que percorrerá as rúas de Madrid e que rematará na Praza de Colón.
CCOO e UGT prevén unha marcha "de transcendencia histórica" e na que participarán todos os sectores sociais
Xa este venres pola noite, serán centos os autocares que partan desde diversas localidades galegas para unirse en Madrid ás diferentes "mareas" que inundarán a capital e que serán incluso identificadas por cores, segundo o sector ao que representen. Cada unha delas sairá desde cadanseu ministerio responsable das políticas de recorte no seu sector. Así, as camisetas verdes corresponderanlles aos traballadores da educación, as brancas aos da sanidade, as laranxas aos dos servizos sociais e as negras aos da función pública.
"O punto de encontro dos manifestantes chegados de Galicia será a Praza do Doutor Marañón, ás 9.30"
Todos estes grupos uniranse na Praza de Colón coas columnas que irán chegando desde as diferentes autonomías do Estado e que partirán desde diferentes puntos da capital española. No caso dos manifestantes galegos, o lugar de encontro será a Praza do Doutor Marañón, no medio da Castellana, a partir das 9.30 da mañá.
"A manifestación protestará contra os recortes e volverá pedir un referendo sobre as políticas de axuste"
Os sindicatos pretenden así protestar, pero tamén chamar a atención sobre unhas políticas económicas e uns recortes que están a afectar gravemente a todos os sectores da sociedade, sen distinción, e que están a provocar unha enorme fractura social como hai anos que non se coñecía no Estado español. De feito, a marcha pretende ser tamén a expresión dunha sociedade "farta de tanto atropelo a cambio de nada", a denuncia da "fraude democrática" que supoñen unhas políticas económicas gubernamentais "en clara contradición" co programa do PP, así como a petición -unha vez máis- dun referendo no que a sociedade poida opinar sobre os axustes que está a sufrir.
"Estamos ante unha situación moi crítica, na que se produciu unha gran fractura social sen precedentes e continúa aumentando a destrución de emprego, estase devaluando o estado de benestar e, á súa vez, hai claros síntomas e expresións de involución ideolóxica e de prácticas autoritarias por parte do Goberno", denuncian os sindicatos, que advirten de que se está a "rachar" o consenso básico constitucional que xurdiu da transición española.
CCOO e UGT lembran que o Executivo derrubou en tan só uns meses "toda a arquitectura do dereito laboral que se construíu na transición democrática" e que está "a facer máis difícil a existencia" para as persoas en paro, ademais de"empobrecer a vida da inmensa maioría da poboación asalariada e pensionista, mostrarse hostil coa inmigración, negarlle o presente e o futuro á mocidade ou non ter en consideración a investigación e a ciencia".
"Camiñamos inexorablemente cara aos seis millóns de parados a finais de ano"
Do mesmo xeito, e como máis argumentos para a protesta, os sindicatos denuncian que o Goberno do PP "abandona as persoas dependentes e as que as atenden; acantoa a cultura; deteriora os servizos públicos, a educación, a sanidade; exhibe unha vontade enfermiza de perseguir os sindicatos e colectivos de representación cidadá; obsesiónase co déficit e esquece o investimento público, a actividade económica e o emprego". Do mesmo xeito, entenden que se está tamén a "desentender da actividade económica, impoñendo unha política fiscal inxusta que aboca ao peche de milleiros de pequenas e medianas empresas". "En definitiva, camiña inexorablemente cara aos seis millóns de persoas en paro a finais de 2012", lembran.

Nenhum comentário:

Postar um comentário