sexta-feira, 14 de setembro de 2012

AFECTADOS CONVOCAN MANIFESTACIÓN EN COMPOTELA O VINDEIRO SABADO 22 DE SETEMBRO

Imaxe da concentración de onte diante da oficina de NGB no Obelisco

15 S Gran movilización estatal en Madrid.-

Máis de 10.000 galegos únense á marcha "histórica" do 15S en Madrid

Redacción | @prazapublica

Madrid acolle este sábado unha protesta contra os recortes levados a cabo polo Goberno de Mariano Rajoy que se prevé "histórica" e na que participarán máis de 10.000 galegos, segundo aseguran CCOO e UGT de Galicia. Milleiros de cidadáns do país teñen confirmada xa a súa presenza na capital do Estado, á que se desprazarán nos autobuses organizados por Comisións, UGT, USO, CSIF e USTG, e na que se agarda unha resposta masiva contra as políticas do Executivo do PP. Organizada polas centrais maioritarias, a marcha do 15S contará tamén co apoio de numerosos colectivos sociais e políticos, incluído o 15M, que decidiu adherirse, aínda que como "Bloque Crítico" e apostando claramente por "unha mensaxe distinta" que aposta "pola folga xeral".
Será unha marcha de "transcendencia histórica", segundo os secretarios xerais de CCOO e UGT, e na que se berrará alto e claro "contra as políticas de recortes do Goberno do PP, tanto no eido económico como no social, que están ocasionando unha fractura social sen precedentes en España". "Non existe ningún colectivo, nin ámbito da actividade social e cultural, que se libre das consecuencias destas políticas, agás os poderes económicos e as elites que os representan", censuran os sindicatos, que anuncian xa unha manifestación "histórica" que percorrerá as rúas de Madrid e que rematará na Praza de Colón.
CCOO e UGT prevén unha marcha "de transcendencia histórica" e na que participarán todos os sectores sociais
Xa este venres pola noite, serán centos os autocares que partan desde diversas localidades galegas para unirse en Madrid ás diferentes "mareas" que inundarán a capital e que serán incluso identificadas por cores, segundo o sector ao que representen. Cada unha delas sairá desde cadanseu ministerio responsable das políticas de recorte no seu sector. Así, as camisetas verdes corresponderanlles aos traballadores da educación, as brancas aos da sanidade, as laranxas aos dos servizos sociais e as negras aos da función pública.
"O punto de encontro dos manifestantes chegados de Galicia será a Praza do Doutor Marañón, ás 9.30"
Todos estes grupos uniranse na Praza de Colón coas columnas que irán chegando desde as diferentes autonomías do Estado e que partirán desde diferentes puntos da capital española. No caso dos manifestantes galegos, o lugar de encontro será a Praza do Doutor Marañón, no medio da Castellana, a partir das 9.30 da mañá.
"A manifestación protestará contra os recortes e volverá pedir un referendo sobre as políticas de axuste"
Os sindicatos pretenden así protestar, pero tamén chamar a atención sobre unhas políticas económicas e uns recortes que están a afectar gravemente a todos os sectores da sociedade, sen distinción, e que están a provocar unha enorme fractura social como hai anos que non se coñecía no Estado español. De feito, a marcha pretende ser tamén a expresión dunha sociedade "farta de tanto atropelo a cambio de nada", a denuncia da "fraude democrática" que supoñen unhas políticas económicas gubernamentais "en clara contradición" co programa do PP, así como a petición -unha vez máis- dun referendo no que a sociedade poida opinar sobre os axustes que está a sufrir.
"Estamos ante unha situación moi crítica, na que se produciu unha gran fractura social sen precedentes e continúa aumentando a destrución de emprego, estase devaluando o estado de benestar e, á súa vez, hai claros síntomas e expresións de involución ideolóxica e de prácticas autoritarias por parte do Goberno", denuncian os sindicatos, que advirten de que se está a "rachar" o consenso básico constitucional que xurdiu da transición española.
CCOO e UGT lembran que o Executivo derrubou en tan só uns meses "toda a arquitectura do dereito laboral que se construíu na transición democrática" e que está "a facer máis difícil a existencia" para as persoas en paro, ademais de"empobrecer a vida da inmensa maioría da poboación asalariada e pensionista, mostrarse hostil coa inmigración, negarlle o presente e o futuro á mocidade ou non ter en consideración a investigación e a ciencia".
"Camiñamos inexorablemente cara aos seis millóns de parados a finais de ano"
Do mesmo xeito, e como máis argumentos para a protesta, os sindicatos denuncian que o Goberno do PP "abandona as persoas dependentes e as que as atenden; acantoa a cultura; deteriora os servizos públicos, a educación, a sanidade; exhibe unha vontade enfermiza de perseguir os sindicatos e colectivos de representación cidadá; obsesiónase co déficit e esquece o investimento público, a actividade económica e o emprego". Do mesmo xeito, entenden que se está tamén a "desentender da actividade económica, impoñendo unha política fiscal inxusta que aboca ao peche de milleiros de pequenas e medianas empresas". "En definitiva, camiña inexorablemente cara aos seis millóns de persoas en paro a finais de 2012", lembran.

quinta-feira, 13 de setembro de 2012

CGT convoca manifestación para o vindeiro 17 setembro.

Galiza - CGT - A CGT ten acordado intensificar as mobilizacións que se veñen producindo contra os recortes e as reformas antiobreiras do Goberno, promovendo unha mobilización social xeralizada e contundente, mediante Xornadas de Loita que nos conduzan á convocatoria dunha Folga Xeral con capacidade real de afectar os intereses económicos da élite dirixente, capaz de enfrontar a ofensiva de recortes e reformas contra os nosos dereitos por parte do goberno e maila patronal.

A CGT da Coruña, no marco da Xornada de Loita do vindeiro 17 de setembro, chama a toda a súa afiliación e militancia, así como ao conxunto da clase obreira coruñesa a participar na Manifestación en defensa do ferrocarril público e social, en coincidencia coa Folga no sector ferroviario que teñen convocado, de xeito unitario, todalas organizacións sindicais con representación nos Comités de Empresa de ADIF, Renfe e Feve.
A Manifestación partirá da Estación de Mercadorías de San Diego, ás 19:30 horas, e rematará na Estación de San Cristobal

Fonte Diario Liberdade

sexta-feira, 7 de setembro de 2012

A CIG chama a participar masivamente na manifestación convocada para o sábado 8 de setembro en defensa dos servizos públicos

 
Representantes da Plataforma Galega en Defensa dos Servizos Públicos (integrada polas organizacións CIG - CCOO - UGT - CSI-F - CESM - OMEGA - SATSE -USASE - ANPE - STAJ - CEP - SUP - UFP - AUGC - UniónGC - CGT - USO - USTG - SIAT e ACAIP) compareceron este mércores en rolda de prensa para anunciar o novo calendario de mobilizacións previsto para o mes de setembro en contra dos recortes impostos polos gobernos do PP. Mañá xoves, iniciarase unha nova xeira de protestas diante dos edificios administrativos de todo o País, mentres que o sábado 8 de setembro está convocada unha gran manifestación en Compostela.
 
12-09-05 RP mani servizos publicos
A Secretaria de CIG-Administración Pública, Maricarme López Santamariña, que compareceu en calidade de voceira da Área Pública da central nacionalista (Ensino, Saúde e Administración Pública), animou a toda a cidadanía a participar na manifestación que a Plataforma ten convocada para o vindeiro sábado, 8 de setembro, en Compostela, para amosar o masivo rexeitamento ao deterioro dos servizos públicos e das condicións laborais da clase traballadora.
A marcha, que se desenvolverá baixo o lema “Na defensa dos servizos públicos. Non ao recorte dos nosos dereitos”, sairá ás 11:30 horas dende a Alameda e rematará coa lectura dun manifesto conxunto.
Para a Área Pública da CIG as medidas promulgadas mediante o RDL 20/2012 e a Lei Galega 9/2012 do 3 de agosto, favorecen a destrución de emprego e dos servizos públicos e van encamiñadas a garantir o pagamento do rescate ao sector financeiro, verdadeiro causante da crise.
Para a CIG é obvio que o conxunto de medidas do PP teñen como obxectivo último desmantelar todas as conquistas sociais e laborais no sector público, xa que non se está só a falar de reducir salarios ou eliminar pagas extra senón tamén de destruír emprego reducindo a administración e, polo tanto, eliminando os servizos que até o de agora esta prestaba para provocar a súa privatización.

Mobilizacións o xoves 6 de setembro diante das administracións

Previamente, as organizacións sindicais acordaron retomar, durante todo o mes de setembro, as mobilizacións semanais dos xoves que se viñeron realizando diante dos distintos centros de traballo nos últimos meses, co obxectivo de amosar o rexeitamento aos recortes laborais, salariais e sociais impostos polo Goberno de Mariano Rajoy e acatados submisamente pola Xunta de Núñez Feijoo, a pesar de supor unha invasión das competencias que o goberno galego ten nos distintos ámbitos.
Deste xeito, mañá xoves 6 de setembro, todos os empregados e empregadas das administracións públicas están chamados/as a participar nas concentracións que se celebrarán diante dos centros de traballo (edificios administrativos, hospitais, delegacións ministeriais e de xustiza, etc.) entre as 11:00 e as 12:00 horas.
A Área Pública da CIG alerta de que o obxectivo de todo este paquete de medidas é ir eliminando dereitos sociais e laborais, pero tamén dereitos democráticos, para restar capacidade de resposta ás organizacións sociais e políticas que cuestionan o modelo económico, político e social defendido polo PP. Por iso reitera a importancia de mobilizarse e manifestar o máis rotundo rexeitamento non só a estes recortes, senón tamén ao grave retroceso que estamos padecendo nos nosos dereitos democráticos e nacionais.

quarta-feira, 5 de setembro de 2012

Concentracions unitarias o 7 de setembro

/avantar/2012 09 05 PanfletoProtestasEmpresariosNegociacionColectiva

Industrias Caamaño despide a unha ducia de empleados despois da folga.

Una de las protestas de los empleados de Industrias Caamaño. / la opinión

Avantar/ CIG

Industrias Caamaño despide á práctica totalidade dos traballadores que secundaron as folgas e continúa sen pagar os salarios

O persoal, que ten recorridos os despedimentos pola vía xudicial, denuncia que se atopan nunha situación de total desprotección
Máis de dous meses despois de que os traballadores de Industrias Caamaño iniciasen un intenso calendario de mobilizacións (que se estendeu durante os meses de xuño e xullo), o propietario e o xerente só tomaron dúas decisións: despedir a práctica totalidade dos operarios que secundaron as folgas (incluídos os tres delegados de persoal) e continuar sen abonar os salarios atrasados.
 
A situación en Industrias Caamaño (que ten as instalacións en Culleredo e se dedica á carpintería de aluminio e aceiro) chega a ser tan esperpéntica e desesperante que mesmo o empresario recoñece a improcedencia dos despedimentos dalgúns traballadores e xa lles comunicou verbalmente a todos os afectados que “ten o caixón cheo” pero se queren cobrar as débedas salariais terán que reclamar pola vía xudicial.
Cómpre lembrar que as débedas ascenden a un mínimo de catro meses de salario, ás dúas pagas extraordinarias de 2012 e aos atrasos correspondentes aos tres últimos anos. A esta contía hai que engadir as indemnizacións polos despedimentos naqueles casos xa recoñecidos pola empresa como improcedentes. Todos os despedimentos están recorridos xudicialmente.
No caso dos traballadores que continúan coa súa actividade laboral en Industrias Caamaño, os pagos dos salarios estanse efectuando dun xeito non puntual, fraccionado e sen garantías.
Hai que destacar tamén que os traballadores despedidos son aqueles que contan con maior antigüidade na empresa; un dos afectados leva 39 anos como empregado de Industrias Caamaño. Esta circunstancia fai sospeitar ao colectivo de traballadores despedidos que o empresario está a aproveitar para executar un ERE encuberto, co obxectivo de desfacerse do persoal máis antigo dun xeito barato.
Neste senso, os ex traballadores temen que as intencións últimas do xerente pasan polo peche definitivo de Industrias Caamaño e desfacerse das débedas contraídas tanto co persoal como cos provedores. Este temor vese reforzado, matizan os ex empregados, polo feito de que nos últimos tempos todo fai indicar que o xerente desviou fondos de Industrias Caamaño a outras empresas da súa propiedade.
Ademais, pola pouca información da que dispoñen os traballadores, presuntamente hai dúas empresas operando no centro de traballo da Avenida da Cordeda, que tamén estarían a contratar novo persoal.
Fronte a este cúmulo de despropósitos, os traballadores queren denunciar publicamente que se atopan totalmente desprotexidos, xa que a empresa nin aparece nos actos de conciliación no SMAC, nin poden convocar accións de presión como unha folga (ao non integrar xa o cadro de persoal) e nin sequera dende a Inspección de Traballo se lles achegou máis solución que acudir aos xulgados.
De feito, dende a Inspección indicóuselles que non podía adoptar máis medidas que as sancións económicas; medida que non parece moi efectiva tendo en conta o historial de débedas da empresa e que nin sequera acatou a sentenza xudicial firme que lle obriga a readmitir a un dos delegados de persoal.
  
 
 

Nova concentración dos afectados pola estafa das "preferentes"






Onte, un grupo de medio centenar de afectados polo timo das preferentes de NGB, concentráronse ás portas dos xulgados para reclamar ao Goberno unha solución ás preferentes. Na protesta criticaron as declaracions do delegado do Goberno, Samuel Juárez, recordáselles que os erros dos bancos págano os bancos, non o Goberno. Asi mesmo anunciaron novas movilizacions.

domingo, 2 de setembro de 2012

A CUT denuncia despido de traballadora do socorrismo na Coruña

Sermos Galiza

A empresa concesionaria da vixilancia das praias coruñesas bota unha traballadora após saír na prensa un comunicado do sindicato en que milita, a CUT, alertando das "graves deficiencias" no equipamento de que dispón o persoal para desenvolveren a súa actividade

Unha traballadora da Federación de Salvamento e Socorrismo de Galicia --Fessga--, empresa concesionaria da vixilancia nas praias coruñesas, vén de ser despedida "por facer declaracións que transcenderon a un medio de comunicación" en que denunciaba as condicións en que desenvolvía a súa actividade e que puñan en perigo a propia saúde pública, tal e como se informaba en días pasados nunha denuncia feita pública na súa páxina web polo sindicato CUT, do que facía parte a traballadora, e que apareceu recollida nas páxinas locais dun xornal.

"O motivo do despedimento da nosa compañeira, para alén de constituír un caso evidente de represión sindical, conculca o dereito á liberdade de expresión", quéixanse desde a central, namentres a emprega argumenta na propia carta de despedimento que as queixas da traballadora ao redor das súas condicións laborais son "absolutamente falaces e carentes dun mínimo de obxectividade, causando un grave prexuízo á empresa".

Do que alertaba o comunicado da CUT era das "graves deficiencias" no equipamento do cadro de persoal, polo que iniciarán unha campaña de loita sindical até acadar o fin da restitución da traballadora despedida, e condenan a intención da empresa de "intimidar transladando a mensaxe de que calquera acción en defensa dos dereitos laborais será duramente perseguida e penalizada".