domingo, 28 de abril de 2013

FORA HIDRALIA DE BARILLAS !

Lideresas indíxenas guatemaltecas denuncian na Galiza a violación de dereitos humanos perpetrada pola empresa galega Hidralia Energía


ACCIÓNS DE DENUNCIA PROGRAMADAS NA CORUÑA
Martes 30 de abril
12:00hrs.
Praza da Palloza: baixo o lema “Hidralia: Cantas mulleres precisan violar para producir luz?”, acto de denuncia da vulneración dos dereitos humanos que está a practicar Hidralia Energía en Guatemala.
12:45hrs.
Concentración e rolda de prensa na sede administrativa de Hidralia Energía (Av. del Ejército, nº10).
19:30hrs.
Casa Museo Casares Quiroga (rúa Panadeiras, s/n): coloquio con Natalia Atz Sunuc e Paula Irene del Cid Vargas (Guatemala) e afectadas pola mina de ouro que a transnacional canadiense Edgewater quere explotar en Corcoesto: “Unha mesma situación, unha mesma resistencia. Guatemala e Galiza”.
Convocan: Amigos da Terra, A Coruña en Loita, Comité de Solidariedade con América Latina (COSAL), Coordinación por los Derechos de los Pueblos Indígenas (CODPI) e Feminismos Corunha.

A Coruña, 28 de Abril 2013. No marco dunha intensa xira de denuncia que as está a levar por distintos países europeos, as lideresas guatemaltecas Natalia Atz Sunuc -coordinadora da Asociación para la Promoción y el Desarrollo de la Comunidad CEIBA- e Paula Irene del Cid Vargas -asociación feminista La Cuerda- permanecerán na Galiza dende o vindeiro martes 30 ata o venres 3 de maio, onde manterán reunións con colectivos, organizacións sociais e partidos políticos, co obxectivo de dar a coñecer os abusos e violacións dos dereitos humanos1 que están tendo lugar en Guatemala por mor dunha presa hidroeléctrica que a empresa Hidro Santa Cruz -tamén coñecida como Hidralia Energía2 ou Ecoener-, propiedade do empresario coruñés Luis Castro Valdivia3, quere construír nunha área de histórico valor sagrado e cultural pertencente a comunidades indíxenas guatemaltecas.

Dito proxecto conta ca clara oposición das comunidades afectadas, quenes logo dun minucioso proceso de consultas comunitarias iniciadas no ano 2007 -no que participaron case cincuenta mil persoas-, ditaminaron a súa total negativa á construción da presa a través do documento Actas de las comunidades 2012”, trasladado tanto á empresa, como a representantes políticos e opinión pública.

O dono de Hidralia Energía, Luis Castro Valdivia, bem coñecido pola prensa latinoamericana4, saltou aos medios de comunicación galegos cando no ano 2007 tanto el coma o seu cuñado, o ex director xeral de Industria da Xunta (1999-2005), o popular Ramón Ordás Badía, foron imputados pola Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) por un delito de tráfico de influencias relacionado ca concesión de parques eólicos e minicentrais hidroeléctricas, negocio no que Castro Valdivia, en alianza ca familia do ex-alcalde Francisco Vázquez e o ex-presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Antonio Fontenla, conta cunha espectacular presencia.

A visita destas dúas lideresas ten lugar nunha data especialmente significativa, xa que coincide co aniversario do Estado de Sitio decretado en Santa Cruz Barillas en maio do ano pasado, logo de que o día 1 dese mes persoas vinculadas a Hidro Santa Cruz -un dos detidos foi o seu Xefe de Seguridade- atacaran a tres líderes comunitarios que se opoñían ao proxecto, asasinando a un deles e deixando gravemente feridos aos outros dous.

A controvertida decisión do presidente guatemalteco Otto Pérez de afrontar a conflitividade derivada deste asasinato a través da suspensión de dereitos e liberdades que supón o Estado de Sitio para, deste xeito, protexer e favorecer o abuso da transnacional galega, vén motivada en grande parte pola situación estratéxica na que se atopa Hidralia Energía ao pertencer á Cámara Oficial Española de Comercio de Guatemala, entidade financiada polo Ministerio de Industria, Energía y Turismo de España. Ademais, o presidente Otto Pérez, aliado fundamental de Castro Valdivia nos seus negocios en Guatemala, conta cunha denuncia realizada no ano 2011 ante o Relator Especial da ONU Contra a Tortura e foi tamén acusado de ser un dos instigadores do asasinato en 1997 de Juan Gerardi, bispo e coordinador da Oficina de Derechos Humanos del Arzobispado de Guatemala.

A violencia despregada en Santa Cruz Barillas por Luís Castro Valdivia en connivencia co goberno guatemalteco, inda a día de hoxe mantén a rexión nunha situación de tensión constante, intensificada pola militarización e paramilitarización da zona. A poboación vive o seu día a día facendo fronte ás agresións continuadas da empresa, rexistrándose non só os mencionados atentados contra líderes e lideresas, senón tamén numerosos casos de violacións sexuais a mulleres e innumerables casos de intimidación, ataques e ameazas.

Neste momento, no que tamén grande parte da poboación galega estase a mobilizar na contra da destrución do noso territorio por parte de empresas transnacionais que, tamén aquí ca colaboración dos gobernos, pretenden aproveitar o estancamento económico para expoliar os nosos recursos naturais -véxase por exemplo a transnacional canadiense Edgewater en Corcoesto-, Natalia Atz e Paula Irene del Cid aproveitarán esta viaxe á Galiza non só para denunciar a vulneración dos dereitos humanos que está a ter lugar en Barillas, senón tamén para dar a coñecer e intercambiar estratexias de loita e, deste xeito, tanto dende Galiza como dende Guatemala, facer fronte á ameaza globalizada da explotación de recursos naturais e enerxéticos por parte de empresas privadas transnacionais que pulan polo modelo neoliberalista de enriquecemento a través da capitalización total da Natureza, da Vida.

Moitas grazas pola vosa atención.

Máis información e entrevistas:
  • Natalia Atz Sunuc -coordinadora da Asociación para la Promoción y el Desarrollo de la Comunidad CEIBA- e Paula Irene del Cid Vargas -asociación feminista La Cuerda- , Tlf´s: 603 125091 / 650819413.
  • Coordinación da xira europea: Víctor Barro (Amigos da Terra), Tlf: 659 655 734.
  • Coordinación A Coruña: Mariola Mourelo (Feminismos Corunha), Tlf: 678 381 459.
  • Seguemento da denuncia de violación de dereitos humanos por parte da empresa galega Hidralia Energía en Santa Cruz Barillas dispoñible no blogue: http://memorialguatemala.blogspot.com.es/
  • Arquivos adxuntos:
-“La presencia de Hidro Santa Cruz en Barillas”. Instituto de Estudios sobre Desarrollo y Cooperación Internacional HEGOA, Universidad del País Vasco (2012).
-Imaxes correspondentes á mobilización realizada en Barillas o 18 de xuño de 2012. Autoría: Marcha Indígena Campesina y Popular-Guatemala.


1Denunciadas tamén polo Centro Internacional para las Investigaciones en Derechos Humanos (CIIDH) de Guatemala no “Informe sobre violaciones de Derechos Humanos en el caso de la comunidad de Barillas”. http://www.agenciapulsar.org/dd-hh/comunidad-de-guatemala-sufre-violaciones-a-ddhh-tras-oposicion-a-proyecto-hidroelectrico/
2Esta transnacional conta con minicentrais hidroeléctricas e parques eólicos na Galiza, así como con distintos negocios de explotación de recursos naturais en países coma Nicaragua, Panamá, Guatemala, Ecuador, Venezuela ou Honduras. A día de hoxe, segundo os seus propios datos, manexan unha carteira de traballos en execución de 1.152.000 € http://www.hidraliaenergia.com/
3Luis Castro Valdivia é fundador de Hidralia e representante legal de Hidro Santa Cruz. O seu irmán David é o Director CEO (Chief Executive Officer) de Hidralia, propietario e accionista maioritario de Hidro Santa Cruz.
Mobilizacions barillas-2-18062012.jpgMobilizacions barillas-2-18062012.jpg
491 kb   Ver   Compartir   Descargar  
Mobilizacions barillas-3-18062012.jpgMobilizacions barillas-3-18062012.jpg
488 kb   Ver   Compartir   Descargar  
Mobilizacions barillas18062012.jpgMobilizacions barillas18062012.jpg
413 kb   Ver   Compartir   Desc

Nenhum comentário:

Postar um comentário