sexta-feira, 9 de novembro de 2012

PROTESTAS NOS XULGADOS

A avogacía, en loita contra a "Xustiza para ricos" de Gallardón

Redacción | @prazapublica
A crise e os recortes gobernamentais están a deixar imaxes inéditas e este venres produciuse unha máis. Milleiros de profesionais da avogacía saíron ás portas dos xulgados de todo o Estado para amosar o seu rexeitamento ao proxecto de lei de taxas xudiciais, o plan liderado polo ministro de Xustiza, Alberto Ruiz-Gallardón, que se é aprobado sen modificacións dará lugar a paradoxos como que a interposición dun recurso contra unha multa de 100 euros custará 200 euros. En 45 concentracións en todos os partidos xudiciais galegos os avogados e avogadas do país, convocados polo Consello da Avogacía Galega, amosaron a súa posición frontal contra o que consideran "unha gravísima restrición, inédita na democracia, dos dereitos da cidadanía no acceso á Xustiza.
En opinión do Consello, que agrupa a todos os colexios galegos de avogados, a "principal vítima" do "abuso" que proxecta o gabinete de Mariano Rajoy non son os e as profesionais do Dereito, senón "a cidadanía, que non poderá acceder á Administración de Xustiza" aínda que a "sufraga cos seus impostos". "Cando recorra" aos tribunais, explican, a cidadanía "atopará unha carga económica intencionada, xa que o Ministerio defende a súa proposta polo seu efecto disuasorio".
Neste sentido, nunha comparecencia ante a prensa previa á concentración da Coruña o presidente do Consello e decano dos avogados coruñeses, Antonio Platas, fixo especial fincapé en que as protestas non se están a desenvolver en beneficio da avogacía, senón "para a cidadanía". As mobilizacións, explica, prodúcense como resposta "ao maior recorte de dereitos e liberdades dende que se instaurou a democracia". Isto sucede ademais, reprocha, despois de que "no mes de febreiro" representantes dos avogados "mantivemos unha reunión co ministro Gallardón e díxonos que consultaría coa avogacía calquera cambio que puidese propoñer". Polo tanto, explica, "este proxecto amosa a súa absoluta deslealdade, ademais de ter unhas graves consecuencias para a sociedade: haberá unha Xustiza para ricos e o pobre terá que axeonllarse", ilustra.
"Haberá unha Xustiza para ricos e o pobre terá que axeonllarse", di o presidente do Consello da Avogacía Galega
Platas non dubida do enorme impacto que terá a imposición de taxas. O proxecto gobernamental "córtalle os pés á Xustiza e, de se aprobar, o 40% dos cidadáns españois non poderán acudir a ela". Mentres segue adiante co seu plan Alberto Ruiz-Gallardón tenta "poñer a cidadanía contra a avogacía", alerta, xa que o ministro "di que as taxas son para pagarnos a nós, cando non é certo". Así, explican dende o Consello, o "acceso ao xuíz vai resultar abusivo e oneroso nalgúns casos", a saber: a taxa dunha apelación "ascendería a 800 euros". "Este proxecto promove a inxustiza social", aseguran, xa que "as persoas con menos recursos económicos terán máis dificultades para acceder á xustiza", polo que o recorte será para "os dereitos dos máis pobres", máis aínda tendo en conta que "para coñecer a contía das taxas se establece unha parte fixa máis unha cantidade variable, cun máximo de 10.000 euros para todo". Deste xeito, din, "a contía será a mesma para unha persoa física" e "para unha mediana empresa".

Nenhum comentário:

Postar um comentário