segunda-feira, 4 de março de 2013

"O caso de Aurelia Rey tan só é a punta do iceberg"





Héctor Tejón converteuse durante días na cara visible de Stop Desafiuzamentos na Coruña e tamén nun dos protagonistas involuntarios do conflito de Aurelia Rey, a anciá cuxo desaloxo foi paralizado pola presión cidadá. Agarrado ao megáfono, este sociólogo en paro -"en activo non retribuído", prefire dicir el- leu comunicados, coidou de Aurelia, atendeu á prensa e emocionouse varias veces logo dunha semana tan intensa como esgotadora. Cun discurso firme e claro, pide á sociedade que se implique nunha problemática que vai moito máis aló do caso desta muller de 85 anos, que aínda está pendente dunha solución definitiva, e ao que chegou a raíz da súa participación en movementos como o 15M, pero sobre todo pola súa "inquedanza persoal" nunha problemática como a da vivenda.
E de súpeto, atópaste co caso de Aurelia Rey...
O caso de Aurelia é moi particular e moi específico, unha parte do problema que non pode significar o todo. A nivel da opinión pública, é moito máis sinxelo ir contra un banco que contra un propietario individual. Non é o mesmo unha familia que asina unha hipoteca, non é capaz de pagala e vai ser desaloxada, que este caso. Ademais, nós non sabiamos que nos iamos atopar con todo o que nos atopamos durante estas últimas semanas.
"A nivel da opinión pública, é moito máis sinxelo ir contra un banco que contra un propietario individual"
Con que se atoparon?
Non sabiamos das relacións de poder da familia propietaria. Teñamos en conta que antes de iniciar as mobilizacións falamos con Servizos Sociais da Coruña e co avogado dos denunciantes. A resposta do Concello foi sempre a mesma: “non temos pisos e a mellor opción é unha residencia”. Tamén intentamos deter a orde de desaloxo falando cos donos do piso, pero non o conseguimos. Logo mobilizámonos porque o lanzamento era inminente e conseguimos paralo.
Todo polo atraso no pago de dous meses de aluguer.
Claro, porque neste caso nin tan sequera hai un impago, senón un atraso. É unha lei máis que discutible a que permite que se desaloxe unha persoa nesta situación. Lembremos que o primeiro atraso foi en 1999 e o segundo en 2011. Foi aí cando os donos aproveitaron para iniciar o proceso legal que rematou no intento de desafiuzamento. A familia buscaba unha opción legal que lles permitise botar a Aurelia da súa casa. É un caso claro de mobbing inmobiliario e de especulación. Teñamos en conta que varios dos edificios colindantes ao de Aurelia son propiedade da mesma familia, incluído o inmoble onde vive.
"Sempre intentamos chegar a un acordo coa familia propietaria antes de iniciar as mobilizacións, pero non o conseguimos"
A familia acusa a Aurelia Rey de non facilitar as cousas co seu comportamento.
A familia sempre dixo que era moi difícil convivir con Aurelia e Aurelia di que é moi difícil convivir coa presión da familia. Nós sempre intentamos chegar a un acordo antes de iniciar as mobilizacións, pero non o conseguimos.
A repercusión mediática serviulles para lograr o seu obxectivo?
Recibimos moito apoio de todas as partes do Estado grazas á repercusión mediática que tivo o tema e isto serviunos de moita axuda, pero tamén xurdiron outras actitudes non tan positivas cara a nós. Aurelia non elixiu estar no foco de nada. A familia propietaria tirou pola vía penal en lugar de reclamar a mediación dos Servizos Sociais, que teñen tamén esa función. Pasamos dunha solución amigable a unha resolución conflitiva. Aproveitáronse do marco legal vixente para levar a cabo o desaloxo.
"En vez de ver en Aurelia unha persoa xubilada que cobra unha miseria, algúns viron nela unha persoa que vive nunha zona que non lle correspondería polo seu nivel económico"
Pero habéra máis casos como os de Aurelia...
Xa nos están chegando novos casos. Sabemos que non pode ser que Aurelia sexa o todo, pero tampouco a podemos deixar soa porque é unha situación de exclusión social flagrante. Lembremos que Aurelia Rey cobra unha pensión non contributiva duns 370 euros e vive por debaixo do limiar da pobreza. Por iso pedimos a implicación da cidadanía. Tivemos moito apoio, pero tamén sabemos de moita xente que se implicou na censura moral ao culpar a Aurelia de rexeitar pisos que estaban moi lonxe ou de vivir no lugar onde vive. Digamos que tamén xurdiron celos entre clases. En vez de ver en Aurelia unha persoa xubilada que cobra unha miseria, algúns viron nela unha persoa que vive nunha zona que teoricamente non lle correspondería polo seu nivel económico.
Doéronlle algúns deses comentarios?
Por que non podes vivir en calquera lugar da cidade? Ou é que xa aceptamos o clasismo por zonas? Ao final, a clase baixa social reproduce discursos que van na súa contra. Aurelia Rey leva máis de trinta anos vivindo na mesma zona. Que diriamos se o mesmo caso de Aurelia se dese nun barrio máis humilde? Aceptémolo ou non, segue sendo traumático porque estás dando pé ao desarraigo, máis aínda cando falamos dunha persoa de 85 anos que ten o seu médico, as súas amizades e o seu modo de vida nunha zona determinada.
"Estamos cumprindo unha función que debería realizar a Concellería de Servizos Sociais"
Que ocorre agora que se parou o desafiuzamento?
Isto tamén nolo preguntamos nós. E agora que? Da parte de acompañamento e de busca dunha nova vivenda deberían ocuparse os Servizos Sociais, pero o único que ofertan son pisos de protección oficial e no Concello aseguran que non hai iniciado ningún proceso de "concorrencia competitiva aberta", como din eles. En definitiva, que non teñen pisos. Agora estamos nunha situación na que nós estamos cumprindo a función que debería realizar a Concellería de Servizos Sociais. Estamos encargándonos de buscarlle un piso nos dous meses que ten de prazo, pero tamén nos ocuparemos de axudarlle coa mudanza e de reubicala. Se ocorrese con outras familias, pasaría o mesmo. Sempre se fala de cando se para o desafiuzamento, pero a onde van esas familias que conseguen a dación en pago pero quedan sen casa? Quen se ocupa delas?
Están cumprindo os movementos sociais a función que deberían realizar os poderes públicos?
Está pasando e iso é unha mostra do desmantelamento do Estado de Benestar. É o activismo social o que moitas veces se ten que ocupar de cousas das que se deberían ocupar as administracións públicas. Non é que nos poidamos ver nesa situación, senón que xa nos estamos vendo nela. Hai moitos máis casos e é evidente que nós non nos podemos ocupar de todos. Pedimos que as administracións públicas se impliquen. O que non pode ser é que nós teñamos que buscar e procurar unha solución porque o Concello ou a quen lle corresponda non o faga.
No entanto, sempre dixestes que o voso labor é tamén de concienciación social, de pedagoxía...
É evidente. Teñamos en conta que en plena crixe, séguense mantendo as mesmas rendas para os alugueres cando o poder adquisitivo da sociedade é claramente menor. Temos que facer entender que os novos tempos requiren novos modos de relación. Pasamos dun Estado de Benestar a un reparto da carencia. Ou nos coordinamos entre todos ou non sei o que pode pasar. Eu creo na autoxestión, pero sei que é complicado porque a pequena burguesía propietaria non quere perder os seus privilexios, a pesar de que o poder adquisitivo das familias segue baixando e o paro é cada vez maior. O que debemos facer é darlle unha volta a este pensamento porque non podemos pensar que un movemento como Stop Desahucios se pode converter nuns Servizos Sociais autoxestionados.
"Estoulles agradecido aos políticos que estiveron con nós e que deron a cara"
Que opina do apoio que recibiron de cargos públicos co Concello?
Calquera apoio de concelleiros da corporación municipal foi importante, tamén como salvoconduto contra a represión do activismo, porque hai xente á que xa lle están chegando citacións para ir declarar ao xulgado.
Hai quen di que os políticos que os apoiaron só querían sacarse a foto.
Eu persoalmente estoulles agradecido. Só podo ter palabras de agradecemento para os concelleiros do BNG Xosé Manuel Carril e Avia Veira. Desde o primeiro día estiveron con nós e incluso quedaron a durmir no portal. Eu só os vía como uns activistas máis que apoiaron o movemento. Estiveron da nosa man e esa debe ser a función dun político. Non debe impoñerse na sociedade, senón ser a membrana de vinculación dese magma social. César Santiso, concelleiro de Esquerda Unida, tamén estivo varios días dando a cara con nós e incluso algún concelleiro socialista se achegou para interesarse polo tema, a pesar de que neste último caso é difícil de entender cando foi o seu partido o que lexislou xusto en contra do que nós defendemos.
"Claro que se poden cambiar as cousas, pero necesítase xente disposta a romper coas lóxicas tradicionais"
En definitiva, cren que conseguiron unha maior concienciación da sociedade respecto dos desafiuzamentos ou desaloxos?
Ese é sempre un dos obxectivos e temos medo de que o caso de Aurelia tape todo o demais. O que notas pola rúa, cando a xente te anima a seguir, é que estamos todos moi necesitados de esperanza. Claro que se poden cambiar as cousas, pero necesítase xente disposta a romper coas lóxicas tradicionais. Todos estabamos afeitos a ingresar a renda do piso a final de mes, pero como fas se nin tan sequera tes a renda do traballo? Notamos máis apoio e notamos tamén como moitas familias que antes non se achegaban a nós por vergonza, si que nos chaman agora para preguntarnos como os poderiamos axudar.
Seguirán loitando?
Seguiremos en pé de loita. O de Aurelia é un caso moi concreto e moi especial. A xente pode quedarse co caso de Aurelia, pero este caso só é a punta do iceberg. Ela podería ser a avoa de calquera e por iso moita xente se identificou co seu problema, pero insisto en lembrar que está nunha clara situación de exclusión social, algo que quizais non soubemos transmitir como deberiamos. Destina máis do 30% dos seus ingresos ao pago do aluguer e iso se cadra é o realmente grave. En Servizos Sociais dixéronnos que había máis Aurelias. Creo que esa resposta que nos deron debería facer reflexionar aos poderes públicos. Se hai máis casos como o desta muller, deberían recapacitar sobre o que están facendo cos cartos públicos ou sobre o que está pensando con dereitos básicos que veñen recollidos na propia Constitución.

O soberanismo sae á rúa contra a corrupción e a prol da "soberanía"

Redacción | @prazapublica


"Polo dereito ao traballo, á igualdade, aos servizos públicos e á plena soberanía nacional galega". Son os motivos que este domingo sacou ás rúas de Compostela a milleiros de persoas que secundaron a convocatoria encabezada polo BNG e a CIG xunto a diversas organizacións como CCPI, COG, FRUGA, MPB, Nós-UP, AGIR, AMI, BRIGA, os Comités, Galiza Nova, ISCA! e a Liga Estudantil Galega. No que nalgúns foros é interpretado como un paso máis do Bloque cara ao ámbito soberanista os manifestantes consideraron que "abonda xa de corrupción e de destrución social e cultural" e que, neste ámbito, cómpre unha "ruptura democrática" e un novo "proceso constituínte".
O portavoz nacional do Bloque, Guillerme Vázquez, púñalle voz ás reivindicacións na Alameda da capital galega considerando que "xa é hora de castigar a corruptos e corrompidos" e "proceder á "rexeneración do sistema". "Estamos aquí para expresar que estamos farots e fartas de corrupción", enfatizou o nacionalista, que abondou tamén no "cansazo" a causa "desta elite económica e política que só persegue saquear as clases populares". "Até aquí chegamos", di Vázquez, en cuxa opinión "non só é preciso castigar" a quen comete ou permite a corrupción, senón facer camiñar o sistema "nunha dirección diferente".
As organizacións convocantes chaman a "artellar uha alianza" para "recuperar os dereitos políticos, económicos, sociais, lingüísticos e culturais" de Galicia
"Menos monarquía e máis soberanía", "menos corruptos e máis institutos" ou cánticos a prol da independencia de Galicia foron algunhas das consignas berradas ao longo da mobilización, que ao seu remate fixo rebordar a Praza de Praterías. Foi alí onde as entidades convocantes se declararon, a través dun manifesto, como "herdeiros e herdeiras da esperanza de Celso Emilio" para "erguer a voz" e "convocar a sociedade galega a unha resposta de dignidade e loita para enfrontar o tempo da devastación social e cultura, política e económica, que están a provocar as políticas do capitalismo ultraliberal no noso país".
A xuízo das organizacións que impulsaron a protesta "o réxime político da segunda restauración" está a "esmorecer" e, mentres o fai, "provoca unha violenta destrución social, económica e cultural sobre o nosoo pobo". "Como corolario desas agresións", enfatizan, están "o medo, a precariedade social, a dor e a angustia e mesmo os suicidios". "Estamos diante dun modelo político e social que mete auga por todos os lados e do que nada se pode agardar porque foi protexido de calquera mudanza e rexeita mesmo discutir", censuran. Así as cousas, coidan que a saída pasa por "artellarmos unha alianza para producir un novo proceso que permita recuperar os nosos dereitos políticos, económicos, sociais, lingüísticos e culturais como pobo". "Democracia participativa e directa" ou "libre acceso aos servizos públicos" son algúns dos obxectivos que, din, deben estar por tras da "tarefa de construír unha Galiza soberana de iguais en liberdade".

segunda-feira, 25 de fevereiro de 2013

IMAXES de prensa da saida da ocupación da Concelleria de Servizos Sociais do Concello de A Coruña.


 
 
 
 
 


Destitución do concelleiro de Servizos Sociais, XA !

Aurelia non será desafiuzada pero a presión social continúa




Uns trinta activistas de Stop Desafiuzamentos permanecen pechados desde as 10 da mañá na Concellería de Servizos Sociais da Coruña á espera de poder ser recibidos por algún responsable do departamento. Agardan unha xuntanza co obxectivo de que o Concello lle garanta a Aurelia Rey "unha vivenda digna", logo de que o seu desaloxo fose paralizado este luns ao chegar a un acordo o avogado da anciá coruñesa coa familia propietaria.
O avogado de Aurelia Rey cualifica de "fito" a paralización "dun desaloxos forzoso con sentenza firme"
Porque a presión social funcionou desta vez. O avogado de Aurelia, Antonio Vázquez, anunciou pola mañá "a solución amigable" á que se chegara cos propietarios para "poñer fin ao conflito de forma pactada". Os donos do piso da Padre Feijoo no que a muller de 85 anos vive desde hai máis de 35 anos retiraron a denuncia, polo que se conseguiu deter un desafiuzamento que xa fora paralizado pola mobilización social en dúas ocasións. "É un fito nesta loita para que unha lei manifestamente inxusta sexa modificada, un pacto que evita un desaloxo forzoso e a primeira vez que se logra frear un desaloxo forzoso con sentenza firme", aclarou o letrado, que non aclarou os detalles do acordo, pero que si insistiu en que a saída da anciá da súa vivenda "será voluntaria" e nun prazo de dous meses.
Segundo puido saber Praza, o acordo consiste en que Aurelia contará agora con oito semanas para abandonar a súa actual vivenda, período no que deberá buscar outra casa, ao tempo que a familia González-Pereira -a propietaria- compensará economicamente unha muller que cobra unha pensión de 375 euros e paga 125 polo aluguer do piso.
"Non remata aquí o traballo; loitamos por unha vivenda digna e a Administración ten moito que dicir"
"Non remata aquí o traballo; seguiremos loitando por unha vivenda digna para Aurelia", asegurou o seu avogado. Precisamente, esa é a intención de Stop Desahucios e do peche que varios activistas manteñen na Concellería de Servizos Sociais. "A Administración ten moito que dicir", engade o letrado. Mentres, Héctor Tejón, un dos voceiros do colectivo concentrado desde hai unha semana fronte ao portal da vivenda, agradeceu visiblemente emocionado "a implicación da cidadanía, dos manifestantes e dos bombeiros" e insistiu en que "non hai vontade política" para axudar a muller afectada.
No peche púidose ver o bombeiro que se negou a colaborar no desafiuzamento o pasado luns
"O poder político prefire salvar bancos a salvar persoas", insistiu, tras engadir que a loita "só acaba de comezar". "Exiximos unha vivenda digna para Aurelia", asegurou, momento no que os trinta activistas alí concentrados decidiron trasladar a súa protesta ao gabinete da Concellería de Servizos Sociais, no que se pecharon logo dunha negociación cos axentes da Policía Local que alí chegaron. Pasadas dúas horas de peche, os congregados arrincaron o compromiso de fixar unha reunión do concelleiro Miguel Lorenzo ou dalgún responsable do seu departamento con dous representantes do colectivo, pero nestes momentos continúan agardando unha hora concreta.
Aurelia Rey rexeitou a pasada semana dúas vivendas ofertadas polo Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) xa que os dous inmobles estaban situados ás aforas da Coruña, o que podería provocar, segundo o seu propio avogado, "un forte desarrraigo social". Tanto a afectada, como o seu representante legal e Stop Desafiuzamentos pídenlle ás administracións unha solución para que a muller poida residir nunha vivenda digna e na propia cidade, tal e como leva facendo desde hai máis de trinta anos. A residencia, opción que contempla o Concello da Coruña, sempre foi rexeitada pola anciá.
Entre berros de "Aurelia por ti, estamos aquí", "nin xente sen casa, nin casa sen xente" ou "onde están os Servizos Sociais?", varias ducias de persoas manteñen o peche no que tamén se encontran os voceiros do BNG e Esquerda Unida no Concello da Coruña, Xosé Manuel Carril e César Santiso. No encerro tamén se puido ver ao bombeiro que no primeiro intento de desaloxo se negou a cortar a cadea que impedía o paso da comisión xudicial e que suxeitou un cartel de Stop Desafiuzamentos para mostrar o seu apoio ao movemento.

sexta-feira, 22 de fevereiro de 2013

Presentación do libro "Largo Caballero, el tesón y la quimera"

 
COMISIÓN POLA RECUPERACIÓN DA MEMORIA HISTÓRICA DE A CORUÑA
PRESENTACIÓN DO LIBRO
"LARGO CABALLERO. EL TESÓN Y LA QUIMERA".

HOMENAXE AO SEU AUTOR JULIO ARÓSTEGUI (1939-2013)

VENRES 22 DE FEBREIRO, ÁS 20’00 h.
NA CASA MUSEO CASARES QUIROGA (rúa Panadeiras s/n, A Coruña)
(en colaboración co Ateneo Republicano de Galicia)
Interveñen:
- Lourenzo Fernández Prieto: Catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela. Director do proxecto Interunivesitario “Voces e Nomes”
- Jorge Marco: Profesor do Departamento de Historia Contemporánea da Universidade Complutense de Madrid.Colaborador esencial do profesor Julio Aróstegui na Cátedra“Memoria Histórica del siglo XX”.
-Xesús Mosquera: Representante da CRMH da Coruña. Presidente da Fundación “Luis Tilve”

Organizacións sindicais, políticas e estudantís lanzan unha campaña de mobilizacións en defensa dos dereitos sociais e nacionais

13-02-21 campaña corrupción, dereitos e soberanía
 
Denuncian a alarmante situación de corrupción e reclaman dereito ao traballo, á igualdade, aos servizos públicos e á plena soberanía nacional galega
Mirian Rodríguez, Xulio Vicente e Laura Arjonilla presentaron esta mañá en rolda de prensa, en representación do BNG, o CCPI, a CIG, COG, FRUGA, MPB, Nós-UP, AGIR, AMI, BRIGA, os Comités, Galiza Nova, ISCA! e a Liga Estudantil Galega unha campaña de mobilizacións que comezará mañá venres, día 22 de febreiro, con concentracións nas cidades de Galiza, ás 20:00 horas, e que confluirá nunha manifestación nacional o vindeiro día 3 de marzo, en Compostela, con saída ás 12:00 horas da Alameda.
Laura Arjonilla, que presentou a campaña, lembrou o contexto político, social e económico actual e sinalou que as organizacións que botan a andar esta campaña consideraron que este era o momento para mobilizarse de forma conxunta “en defensa do dereito ao traballo, á igualdade e os servizos sociais públicos, contra a destrución social e cultural que estamos a vivir e, fundamentalmente, contra a lacra da corrupción”.
Arjonilla chamou a unir forzas para darlle continuidade no tempo a esta campaña que agora se inicia porque “é necesaria unha ruptura co actual sistema e para iso hai que saír á rúa para denunciar a corrupción, en defensa dos dereitos da cidadanía, dos dereitos das mulleres, que tamén están a ser recortados, e pola soberanía nacional. Unha reclamación que debe ser central”.
Xunto a iso, lembrou que o proceso iníciase agora pero “está aberto a todas as organizacións e movementos que poidan compartir estes obxectivos” e insistiu na importancia de que se unan “para que toda a cidadanía galega faga parte para poder mudar o actual estado de cousas”.
Xulio Vicente, da Plataforma de Afectados polas Preferentes, explicou que se demanda un cambio de modelo social porque o actual está “caduco, defende os intereses do capitalismo e está corrupto”. Así lembrou a situación que se está a xerar por mor dos desafiuzamentos,“vulnerando de forma brutal a Constitución” ou das preferentes, para o que só obteñen como resposta que “nos teñen que roubar os cartos porque senón Bruxelas non lles dá os miles e miles de millóns de euros necesarios para sanear a banca”. Do mesmo xeito, denunciou os recortes que están a padecer servizos públicos esenciais como o ensino público e a sanidade e que “aquí a cidadanía se está empobrecendo día a día e cando os movementos sociais saen á rúa cando se deixa ás familias sen casa o propio sistema utiliza as forzas da orde para reprimilos”. Fronte a isto, asegurou que“o poder pode roubar, sexa o sr. Bárcenas, sexa a Casa real, pero os que realmente rouban e empobrecen o noso país teñen o sistema que os defende e aí as forzas da orde non actúan”.
Pola súa banda Mirian Rodríguez, tamén da plataforma de afectados polas Preferentes, fixo un chamamento á sociedade para que se sume a estas mobilizacións comarcais e á nacional, “a prol dos dereitos nos que todos e todas estamos implicadas, porque todas estamos afectadas”. E fixo un chamamento á unidade “para mudar este sistema caciquil”.

Soberanía nacional
As organizacións políticas convocantes articularon esta alianza para producir un novo proceso que permita“recuperar os nosos dereitos políticos, económicos, sociais, lingüísticos e culturais como pobo”.
Subliñan que esta é a base para que “non teñamos que emigrar para gañar a vida, que non sexa posíbel sufrir un desafiuzamento, que as mulleres e homes que viven e traballan en Galiza, con independencia da súa situación administrativa, teñan acceso libre aos servizos públicos da nosa sociedade” e manifestan que non haberá dereitos, liberdades e soberanía nacional “se non sobardamos os estreitos e antidemocráticos muros deste réxime e damos carta de natureza ás prácticas da democracia participativa e directa”.

Lugares e horas das concentracións de mañá venres:
A Coruña: Ás 20:00 horas, na subdelegación do Goberno
Compostela: Ás 20:00 horas diante da sede do PP en Alfredo Brañas
Ferrol: Ás 20:00 horas, diante da sede do PP
Lugo: Ás 20:00 horas, diante da sede do PP. Rúa poeta Ramón Cabanillas esquina rúa
Doutor Gasalla.
Ourense: Ás 20:00 horas, diante da sede do PP.
Pontevedra: O martes 26, ás 20:30 horas na Praza da Peregrina.
Vigo: Ás 19:00 horas, na Farola de Urzáiz.

quinta-feira, 21 de fevereiro de 2013

Os oscuros intereses da rapiña burguesa.

A operación urbanística que pretende expulsar a Aurelia

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo Zona Publica



O intento (frustrado) de desafiuzamento de Aurelia Rey -a muller de 85 anos sobre a que pesa unha orde de desaloxo polo atraso no pago de dous meses de aluguer- situou A Coruña na triste lista de polémicas sobre os lanzamentos que cada semana ocupan as portadas dos xornais. O caso desta anciá, á que apoian centos de veciños desde hai días, non se trata da sentenza xudicial derivada do impago dunha hipoteca e da orde dunha entidade bancaria, senón dun "claro caso de mobbing inmobiliario" derivado "operación urbanística de primeira orde".

Así o denuncian varios expertos e fontes xudiciais, pero tamén o colectivo Ergosfera, unha plataforma de estudantes de Arquitectura e arquitectos que desenvolven traballos de investigación e acción desde A Coruña. A última análise céntrase no caso de Aurelia Rey e que, con detalle, definen como "a consecuencia dun sistema urbanístico-inmobiliario inxusto" que pretende "a expulsión" das zonas céntricas das cidades dunha poboación envellecida e precaria para substituíla por "outra mais afortunada na ruleta da distribución de rendas".
"É un claro caso de 'mobbing' inmobiliario que pretende a expulsión dunha poboación envellecida e pobre do centro da cidade"
Iago Carro, membro de Ergosfera e profesor de Urbanismo na Universidade da Coruña, é un dos autores dun informe que "vai máis aló da grave e triste situación particular" de Aurelia, para fixarse "nas causas técnicas e económicas" deste intento de desafiuzamento. "Na cidade é a primeira vez que se dá un caso tan indignante e mediático de lanzamento e resulta estraño que non sexa debido á estafa global hipotecaria, senón a un caso claro de xentrificación e mobbing inmobiliario que pretende a expulsión dunha poboación dun lugar para levalo a outro", explica, tras aclarar que este "é un proceso científico" que se leva anos estudanto e que "xa se deu nos Estados Unidos nos anos 60".
Para Ergosfera e Iago Carro, a situación de Aurelia Rey vén derivada da "nova centralidade comercial" do barrio onde vive a anciá desde hai 34 anos. A reconstrución do mercado da Praza de Lugo, a creación dun centro comercial aberto e a atracción de todas as tendas de Inditex e multinacionais como Fnac "aumentaron a presión sobre a zona, provocando unha revalorización inmobiliaria" que rematou coa compra por parte do grupo textil de Zara da maioría de baixos comerciais da rúa perpendicular a Padre Feijoo, onde reside a muller de 85 anos.
O intento de desaloxo "é consecuencia" dun sistema onde "as plusvalías xeradas pola actividade urbanística pública só son recollidas polos propietarios"
Así, tal e como explica Carro, os intentos de desafiuzamento de Aurelia Rey por parte de familia González-Pereira -propietaria de numerosos inmobles na cidade- non é máis que a consecuencia "dun sistema onde as plusvalías xeradas pola actividade urbanística pública tan só son recollidas polos propietarios do solo e non pola cidadanía común". Uns donos que agora ven que "o que valía X, vale X+Y" e buscan un maior beneficio aproveitándose da debilidade legal e humana.
Ademais, tal e como continúa Carro, os arrendadores aluden á suposta inxustiza de que Aurelia Rey siga a pagar 126 euros polo aluguer dunha casa que habita desde 1979 e que supón máis do terzo recomendado dos 356 euros que cobra da pensión. "Aquí pártese dun sistema e dun principio que se basea en que os prezos dos alugueiros deben ser fixados unicamente polo valor do solo e non polas capacidades económicas dos inquilinos xa establecidos nun lugar, cando ademais o valor do solo pode depender de moitas cousas, incluídas as actuacións públicas pagadas por todos os cidadáns", resume.
A oferta de pisos de aluguer social en Novo Mesoiro ou Eirís supón "a expulsión á periferia" das clases baixas
Os beneficios legais que ten este sistema son os que provocan que recaian nas administracións públicas as responsabilidades de dotar de aloxamentos sociais á poboación máis desfavorecida, como Aurelia Rey, á que lle ofrecen alugueres sociais en Eirís ou Novo Mesoiro, zonas situadas a varios quilómetros do centro, o que supón un exemplo máis da "expulsión á periferia" das clases baixas o que, segundo Iago Carro, "converte a cidade nunha cidade peor".
"É necesaria a diversidade; non queremos un gueto de yuppies que enchen as vinotecas coool ou levan modernos bolsos"
"Téndense a homoxeneizar os barrios; non nos negamos a que nesta zona céntrica haxa unha fauna diversa humana, porque non queremos un gueto de persoas envellecidas, pero tampouco de yuppies que enchen as vinotecas coool ou levan modernos bolsos"."Debemos manter a variedade e esa necesaria diversidade inclusiva", insiste, tras aclarar que "Aurelia non é só un individuo, senón parte dunha rede de relacións sociais tecidas durante décadas nun barrio".
"Desde o punto de vista do urbanismo, a única solución razonable posible é que se manteña a Aurelia na vivenda porque calquera outra opción é darlle a razón a ese sistema inxusto que fixa os prezos", remata Carro, que ve a anciá de 85 anos como "unha parte da máquina de resistencia inconcsciente contra o proxecto capitalista e non democrático co que se deseña o futuro dun barrio". Un sistema favorecido pola lei de desafiuzamento express aprobado polo Goberno de Zapatero, pero que nin tan sequera se valeu disto no caso da anciá coruñesa, que está afectada por unha lei de arrendamento que data de principios dos 80 e do ministro socialista Boyer. "Este é un caso claro de mobbing inmobiliario favorecido por unha lei aplicada de maneira estrita", explica o avogado Xoán Antón Pérez Lema, que deita luz sobre a legalidade que supón poder expulsar unha persoa que non ten débeda ningunha co seu caseiro e que se atrasou no pago de dous recibos de aluguer, un deles hai máis de ano e medio e outro hai catorce.

quarta-feira, 20 de fevereiro de 2013

21 de febreiro, xornada de loita en defensa dos servizos públicos

A Plataforma Galega en Defensa dos Servizos Públicos convoca concentracións para este xoves 21 de febreiro

 
A Plataforma Galega en defensa dos Servizos Públicos ten convocadas mobilizacións para o xoves, día 21 de febreiro, ás 19:00 horas nas sete cidades galegas para manifestar o seu rexeitamento a uns orzamentos que poñen en perigo os servizos públicos, promoven a supresión e despedimento de persoal e deterioran as súas condicións laborais e económicas.
13-02-21 Cartaz concentracións Plataforma Servizos Públicos
Lugares das mobilizacións
- A Coruña: na Praza de Pontevedra, diante do Edificio de Facenda da Xunta.
- Ferrol: diante do Edificio Administrativo Xunta.
- Santiago de Compostela: Praza do Toural.
- Vigo: Porta do Sol (enfronte do Sireno).
- Ourense: diante da Casa do Chocolate, na Avda. da Habana.
- Lugo: diante do Edificio Multiusos da Xunta
- Pontevedra: Subdelegación do Goberno.

A Plataforma Galega en Defensa dos Servizos Públicos denuncia que os orzamentos propostos polo goberno de Feijoo “estrangulan” os servizos públicos deteriorando até o extremo a atención aos usuarios e usuarias dos mesmos e precarizan as condicións laborais das traballadoras e traballadores que desenvolven a súa actividade no sector. Ademais, favorecen a amortización de postos de traballo, pola vía da non reposición de efectivos, e abren a vía para realizar despedimentos.

A Área Pública da CIG, que forma parte da plataforma, alerta de que tras dos recortes orzamentarios agóchase a pretensión do Partido Popular de favorecer a privatización dos servizos públicos. Por iso fai un chamamento ás empregadas e empregados públicos e a sociedade no seu conxunto a participar nestas mobilizacións en defensa dos servizos públicos e dos dereitos laborais e sociais das súas traballadoras e traballadores
Así mesmo, coincidindo coa data de votación dos Orzamentos da Xunta para 2013, a Plataforma ten convocada unha concentración o vindeiro martes 26 de febreiro, dende ás 12:00 horas, ás portas do Pazo do Hórreo.

terça-feira, 19 de fevereiro de 2013

Comunicado.


Comunicado

Diante da desproporcionada actuación policial contra ciudadans e mesmo representantes políticos, que participaban nunha concentración contra ó desafuizamento de Aurelia Rey, veciña do nº 9 da rúa Padre Feijoo da Coruña queremos manifestar:

1.     O noso total respaldo co Aurelia, cos homes e mulleres e colectivos presentes que dun xeito xeneroso e valente teñen impedido que á codicia burguesa e sua xustiza anti-popular triunfe.

2.     Esiximos a destitución do actual Delegado do Goberno Juárez Casado responsabel dunhas actuacions policiais que lonxe de garantir a seguridade, convertironse nunha perigrosa escalada de agresión a representantes políticos e cidadans.

3.     Esiximos a paralización indefinida dos procedementos de desafiuzamentos tanto na nosa cidade como a nivel do Estado.

4.     A Coruña en Loíta promoverá todo tipo de accións consecuentes co estas demandas e fai un chamado ao pobo de A Coruña a movilizarse polo Dereito do Pobo a unha vivenda digna.

 

A Coruña, 19.02.13

A Coruña en Loíta

Todas e todos somos Aurelia ! (Imaxes cortesia de Vera M.)