segunda-feira, 4 de março de 2013

O soberanismo sae á rúa contra a corrupción e a prol da "soberanía"

Redacción | @prazapublica


"Polo dereito ao traballo, á igualdade, aos servizos públicos e á plena soberanía nacional galega". Son os motivos que este domingo sacou ás rúas de Compostela a milleiros de persoas que secundaron a convocatoria encabezada polo BNG e a CIG xunto a diversas organizacións como CCPI, COG, FRUGA, MPB, Nós-UP, AGIR, AMI, BRIGA, os Comités, Galiza Nova, ISCA! e a Liga Estudantil Galega. No que nalgúns foros é interpretado como un paso máis do Bloque cara ao ámbito soberanista os manifestantes consideraron que "abonda xa de corrupción e de destrución social e cultural" e que, neste ámbito, cómpre unha "ruptura democrática" e un novo "proceso constituínte".
O portavoz nacional do Bloque, Guillerme Vázquez, púñalle voz ás reivindicacións na Alameda da capital galega considerando que "xa é hora de castigar a corruptos e corrompidos" e "proceder á "rexeneración do sistema". "Estamos aquí para expresar que estamos farots e fartas de corrupción", enfatizou o nacionalista, que abondou tamén no "cansazo" a causa "desta elite económica e política que só persegue saquear as clases populares". "Até aquí chegamos", di Vázquez, en cuxa opinión "non só é preciso castigar" a quen comete ou permite a corrupción, senón facer camiñar o sistema "nunha dirección diferente".
As organizacións convocantes chaman a "artellar uha alianza" para "recuperar os dereitos políticos, económicos, sociais, lingüísticos e culturais" de Galicia
"Menos monarquía e máis soberanía", "menos corruptos e máis institutos" ou cánticos a prol da independencia de Galicia foron algunhas das consignas berradas ao longo da mobilización, que ao seu remate fixo rebordar a Praza de Praterías. Foi alí onde as entidades convocantes se declararon, a través dun manifesto, como "herdeiros e herdeiras da esperanza de Celso Emilio" para "erguer a voz" e "convocar a sociedade galega a unha resposta de dignidade e loita para enfrontar o tempo da devastación social e cultura, política e económica, que están a provocar as políticas do capitalismo ultraliberal no noso país".
A xuízo das organizacións que impulsaron a protesta "o réxime político da segunda restauración" está a "esmorecer" e, mentres o fai, "provoca unha violenta destrución social, económica e cultural sobre o nosoo pobo". "Como corolario desas agresións", enfatizan, están "o medo, a precariedade social, a dor e a angustia e mesmo os suicidios". "Estamos diante dun modelo político e social que mete auga por todos os lados e do que nada se pode agardar porque foi protexido de calquera mudanza e rexeita mesmo discutir", censuran. Así as cousas, coidan que a saída pasa por "artellarmos unha alianza para producir un novo proceso que permita recuperar os nosos dereitos políticos, económicos, sociais, lingüísticos e culturais como pobo". "Democracia participativa e directa" ou "libre acceso aos servizos públicos" son algúns dos obxectivos que, din, deben estar por tras da "tarefa de construír unha Galiza soberana de iguais en liberdade".

Nenhum comentário:

Postar um comentário