terça-feira, 28 de agosto de 2012

O autobus perde 300.000 usuarios dende a retirada do "carril bus"

BNG e EU cargan contra a política de transporte do Concello da Coruña

Redacción | @prazapublica

Algo funciona mal no servizo de transporte público da Coruña. Iso é o que denuncian BNG e Esquerda Unida, que este luns denunciaron a política do goberno municipal de Carlos Negreira neste campo. Os nacionalistas fan fincapé nos resultados económicos da empresa Compañía de Tranvías, concesionaria do servizo, e que en 2011 repartiu tres millóns de euros de beneficios entre os seus accionistas.
O problema é que o Concello lle entregou case oito millóns de euros en subvencións ao prezo, máis so 36% dos ingresos da empresa. O BNG presentará unha moción no vindeiro pleno para esixir a revisión das condicións da concesión do servizo do transporte colectivo urbano. O Bloque denuncia que "por riba de teren beneficios non acometen inversión en anovar a frota, nin I+D+I, nin en criterios e medidas ambientais”.
O problema é que o Concello lle entregou case oito millóns de euros en subvencións ao prezo, máis so 36% dos ingresos da empresa
O BNG lembra que o Concello aprobou recentemente un plan de axuste, solicitando un empréstito de 7,6 millóns de euros para pagar facturas rexistradas entre setembro e decembro de 2011 da Compañía de Tranvías por valor de tres millóns euros. A formación alerta de que esta decisión pode "hipotecar o futuro da cidadanía durante os vindeiros dez anos”.

Pola súa banda, Esquerda Unida culpou este luns "ás desafortunadas políticas en mobilidade do PP" da perda dun cuarto de millón de pasaxeiros nos buses urbanos, que nos últimos oito meses pasaron dos case 13,6 millóns de usuarios até pouco máis de 13,3 millóns, o que supón un descenso do 2%. Esquerda Unida – Os Verdes considera fundamental apostar polo uso masivo do transporte público colectivo paro o cal e necesario facelo competitivo tanto en económica como en calidade e criticou a suba do billete en seis céntimos, pasando de 1,14 a 1,20. Por ese motivo, EU esixiulle ao Concello que estableza unha negociación coa Compañía de Tranvías "para modificar as condicións do contrato de concesión asinado polo PSOE con cláusulas tan lesivas para os intereses dos coruñeses e coruñesas coma beneficiosas para a empresa concesionaria".
EU-Os Verdes pide a recuperación do carril-bus, así coma creación de aparcadoiros disuasorios gratuítos
A formación de esquerdas culpa especialmente do descenso á eliminación do carril-bus e explica que na liña que une Montealto e o Barrio das Flores, unha das máis afectadas por esta medida, o descenso no número de usuarios foi do 8%. EU-Os Verdes pide a recuperación do carril-bus, así coma creación de aparcadoiros disuasorios gratuítos, nas principais vías de entrada na cidade, conectados con buses lanzadeiras cara aos puntos neurálxicos como a zona centro, os polígonos industriais, a universidade e os hospitais.

Nenhum comentário:

Postar um comentário