domingo, 19 de fevereiro de 2012

Chamado aos traballadoras e traballadores da comarca de A Coruña






Estimados compañeiros e compañeiras:


Somos un grupo de traballadores e traballadoras que, preocupados polo goteo incesante de Expediente de Regulación de Emprego (ERE), despidos e o incremento da precariedade que se está a producir na Coruña e comarca pensamos que, para mellor responder a esta situación, corresponde aglutinar as forzas e proceder á unificación das loitas, globalizando, deste xeito, un problema que afecta a milleiros de traballadores pero que se afronta dun xeito disperso.

Queremos que os problemas que se poidan producir nunha empresa sexan coñecidos por toda a cidadanía dándolle unha resposta global e solidaria.

 Xa levamos máis de catro anos de “crise”, e ate  o de agora todos os seus custos están recaendo sobre os dereitos laborais, económicos e sociais da clase traballadora e o pobo.

Galicia é a 5ª comunidade con máis ERE autorizados no 2011 con 1.056  e 13.741 traballadores/as afectados, afectando os de extinción do posto de traballo, na Provincia da Coruña e só até novembro,  a 1.114 traballadores e os de regulación a outros 5.789 (sumando case a metade do total).


O rexistro do Servizo Público de Emprego Estatal constatou que, no mes de xaneiro de 2012, 1.161 coruñeses/as se inscribiron como demandantes de emprego, un incremento do 5,4% en só un mes, o que deixa a cifra total de parados na cidade en 22.556.


Na comarca pasa tres cuartos do mesmo, partindo dunha cifra total de 25.796 parados/as en xaneiro do ano 2009 a evolución nos tres últimos anos foi:



PARO REXISTRADO (segundo datos da Consellería de Traballo e Benestar)
CONCELLO
XANEIRO 2010
XANEIRO 2011
XANEIRO 2012
ABEGONDO
364
385
423
ARTEIXO
2.892
3.035
3.489
BERGONDO
444
482
574
CAMBRE
1.848
1.916
2.181
CARRAL
387
401
430
CORUÑA, A
19.401
20.629
22.556
CULLEREDO
2.334
2.450
2.714
OLEIROS
2.148
2.250
2.530
SADA
1.063
1.047
1.169
TOTAL
30.881
32.595
36.066



A situación é dramática e, como se observa, con tendencia a empeorar, a clase traballadora sofre cada día con máis virulencia os efectos dunha crise que non provocou. Méntennos cando din que as medidas que se toman son para favorecer o emprego, as receitas son sempre as mesmas (máis permisividade para efectuar os despidos e os Expedientes de Regulación, abaratando de paso os despidos e precarizando a situación dos poucos que poidan traballar) sendo os efectos, tamén, os mesmos (máis precariedade e paro).


Para continuar con este proxecto favorable ao capital máis salvaxe válense da nosa inacción. Temos que pasar deste estado catatónico á actividade. Se non nos mobilizamos a situación non fará máis que empeorar.



Vemos como na comarca da Coruña pechan empresas e preséntanse ERE todos os días con dinámicas de resposta illadas. Pensamos que se ten que producir un cambio de mentalidade. Precisamos aglutinar as forzas e as loitas para dar unha resposta global a un problema que pouco a pouco se vai globalizando.



Por este motivo, os asinantes desta carta convocan a unha reunión  o vindeiro 7 de marzo para constituír unha plataforma aberta a todos os traballadores e traballadoras en activo e desempregados/as, con independencia da súa afiliación sindical (se a teñen) e sexan do sector que sexa, para traballar na defensa dos dereitos da clase traballadora, sobre a base da unificación das loitas, xa que, insistimos, a unidade de tódolos traballadores e traballadoras é o único camiño para defendernos dos ataques que estamos a sufrir. A Coruña e comarca non se poden permitir un parado máis!.



Animámosvos a participar nesta plataforma aberta. Cantos mais sexamos mais forza faremos.



Grupo de traballo de Laboral da Rede de Barrios e Vilas da Coruña do #15M, Traballadores e traballadoras da Torre de Hércules.



Nenhum comentário:

Postar um comentário